MARILAR ALEIXANDRE E A LINGUA

A CONTINUACIÓN PÓÑOVOS ESTAS PALABRAS DA ESCRITORA, POR FERMOSAS

Intervención de Marilar Aleixandre no acto cívico «Lingua de liberdade»

Lingua, lingua, lingua

Lingua de carne para facer rolar sobre ela a lingua de palabras. Lingua para arrolar a lingua, mais non para que durma.

Lingua. Liberdade. Libro. Liberdade para cantar, amar, rir na lingua galega. Lingua para berrar ¡Liberdade! Libros para facer voar a lingua nas ás das súas páxinas.
Lingua para sermos libertarias e, se fose o caso, libertinas.
Lingua sen ligaduras nin ligames.

Lingua, lingua, lingua
Houbo unha vez unha meiga, cortou a lingua da serea, arrebatoulle a voz e a cambio deulle dúas pernas. Agora uns prebostes e sub-prebostes, uns arquipámpanos que gobernan o diario oficial e cren gobernar as nosas vidas, queren cortarnos a lingua, arrebatarnos a voz, e nin sequera nos dan unhas pernas novas.

Nós non queremos trocar lingua por pernas. Escollemos ser peixes, falar a nosa lingua de peixes. Oufanámonos da nosa cola cuberta de escamas de prata. Grazas á nosa lingua, á nosa cola de peixe, nadamos polas augas mariñas das entrañas de Galicia. As nosas garlas permítennos respirar por baixo da auga.

Convocamos en defensa da lingua a luras e polbos, a lorchos e linguados. Convocamos a todas e todos os que manteñen a lingua de palabras en precario equilibrio sobre a súa lingua de carne. ¡Gardade a lingua! E para gardala, espalládea por mares e océanos, polos camiños de Galicia e do mundo.

Lingua, lingua, lingua

Lingua e liberdade. Lingua é liberdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario