SAMAÍN

Orixinalmente esta festa druídica chamábase "a vixília de Saman". O nome de "Halloween" ven do intento de cristianizar esta festa pagana, concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a "Tódolos Santos" o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamado "Día de Tódolos Santos" (ou All Hallow's Day en inglés) e cedo chegóu o costume de chamar á tardiña antes "All Hallowe'en", que acurtado é HALLOWEEN

Pero o feito importante é que a cristianización desta festa celta fracasou, mentres que noutras festas coma Pascuas ou o Nadal o pobo esqueceu a verdadeira orixe da festa, co Halloween foi ó contrario. 

A Santa CompañaEn efecto, a celebración orixinal non se chamaba Halloween, senón SAMAN, SAMAIN ou SHAMHAIN (a verba pronúnciase "xao-in"), e comezou moito antes de Cristo entre os antigos pobos celtas. 

Para os historiadores cristiáns, os celtas observaban uns rituais no fin do verán e facían sacrifícios a Samaín, que era o seu deus da morte e dos malos espíritos. Con esta festa sinalábase o comezo do novo ano celta.

Estes historiadores afirman que o deus dos druídas chamábase Saman, Samana, Shamhain ou Samhain, e que esta festa era chamada "a vixília de Saman". A moderna versión deste deus é ese macabro esquelete cunha fouce na man que sen dúbida veriades algunha vez nas películas. O esquelete é coñecido hoxendía entre os americanos coma the grim reaper (o segador macabro).

No seu libro Halloween Through the Centuries, o escritor Ralph Linton dí:   "a celebración americana do Halloween ven de costumes populares escocesas e irlandesas que poden seguirse en liña directa dende tempos pre-cristiáns. As celebracións máis vellas mantíñanse polos druídas en honra a Shamhain, o señor dos mortos, e cuio festival cae o primeiro de novembro".
Segundo outras fontes, os celtas consideraban o día 1º de novembro porque as follas comezaban a caír, facíase de noite antes e a temperatura baixaba. Eles crían que Muck Olla, o seu deus do sol, estaba a perder forza porque Samhain, señor da morte, estaba a vencelo. Ademáis, crían que o 31 de outubro Samhain xuntaba os espíritos de todos aqueles que morreran durante o ano anterior. Atá entón eses espíritos estarían presos nos corpos dos animais, como castigo polos seus pecados. 
Na véspera da festa de Samhaim, ou sexa, o 31 de outubro, ós espíritos se lles permitía regresar ós seus fogares para visitar ós vivos. E para protexer á xente, os druídas dirixían ó pobo en ceremonias diabólicas de adoración de cabalos, gatos, años negros, bois, etc. Todos eles, incluíndo algúns seres humáns, eran arroxados ó lume e ardían na fogueira, para aplacar a Samhain e evitar que os espíritos sofrisen danos.

Os druídas serían bruxos, practicantes de relixións escuras. No século I a.C. César conquistou ós bretóns, e na súa versión da historia (A guerra das Gálias) dí así: "Tódalas nacións galas estaban entregadas á superstición... ofrecían homes como víctimas ós deuses, ou facían o voto de se sacrificaren eles mesmos. Os ministros nestes ofertórios son os druídas, quen sosteñen que a ira dos deuses inmortáis só pode aplacarse, e o home ser redimido, ofrecendo sacrifícios humáns, e é unha parte das súas institucións nacionais tér solemnidades fixas (cerimónias) para este propósito".

Estas "solemnidades fixas" serían, segundo Richard Cavendish, no seu libro Man, Myth and Magic, os dous grandes festivais do lume, ou sexa, Beltane, a víspera do 1º de máio e Samhain, na do 1º de novembro, para marca-los comezos do vrao e do inverno. Segundo Robert Graves, as catro datas eran a festa da Candelaria (2 de febreiro), a véspera de Maio (30 de Abril), Lammas (1 de Agosto) e Halloween (31 de Outubro).

As adoracións tiñan lugar neses días nas carballeiras ou nos círculos de pedra, coma Stonhenge. Os historiadores afirman que a práctica dos sacrifícios humáns é "evidente" porque polos arredores de Stonhenge foron atopados máis de 350 túmulos funerarios con restos humáns.

candeaUnha das histórias máis esperpénticas, pero non por elo menos difundidas, encol da "verdade" sobre o Halloween, ten moito que ver co topónimo galego "Canabal". Alexander Hislop no seu libro As dúas Babilónias, dí: "O deus a quen adouraban os druídas era Baal... temos evidéncias de que facían pasar ós seus nenos polo lume de Molech, e... en Xeremías 32:35, comparado con Xeremías 19:5, atopamos que esas dúas partes pertencen a un mesmo sistema". Ademáis, este autor dí que "os sacerdotes de Nimrod ou Baal eran obrigados a comerse os sacrifícios humáns; e isto pasóu á forma 'Cahna-Bal', (Cahna sinifica 'sacerdote') que quere dicir 'devorador de carne humán'".
Como vemos, os apoios que adoitan usarse a prol dun Halloween diabólico e malvado non son moi firmes: un historiador mediocre coma César, e a terxversación da mesmísima Biblia, na que nin por asomo aparecen mencionados os pobos celtas. 
Sen dúbida todas estas son historias moi macabras, e moitas igrexas fundamentalistas cristiáns nos Estados Unidos seguen hoxendía espallándoas coma certezas indubidables, pero para os historiadores máis serios, a moderna celebración do Halloween non tiña nada que ver con supostas adoracións de demos, senón que é a descendente do antigo festival celta do lume, chamado "Samhain".

O diccionario Irlandés-Inglés editado pola Irish Texts Society define así a palabra: "Samhain, [All Hallowtide], a festa dos mortos en tempos do Paganismo e do Cristianismo, sinalando o fin da seitura e o comezo da tempada de inverno, que durará atá maio, e durante o que as tropas (especialmente o Fiann) eran acuarteladas. Maxinábase que as fadas estaban particularmente activas durante esta estación. Dende aquí calculábase o médio ano. Tamén chamada 'Feile Moingfinne' (Deusa da Neve)."

Pola súa banda, o diccionário Gaélico Escocés o define destoutro xeito: "Hallowtide. A Festa de Tódalas Animas. Sam + Fuin = fin do vrao."

O contrário da información aportada por moitas organizacións, non existen evidéncias nin arqueolóxicas nin literárias que indiquen que Samhain era unha deidade. Os deuses celtas dos mortos eran Gwynn ap Nudd para os Bretóns, e Arawn entre os Galeses. Os irlandeses non tiñan un "señor dos mortos" coma tal.

Os celtas eran un pobo pastoril, coma contraposición a un pobo agricultor. A fin do verán era relevante para eles porque sinificaba a época do ano no que a estructura das súas vidas trocaba radicalmente. O gando baixábase das terras de pastos nas cuíñas e o pobo xuntábase no interior das casas para pasa-las longas noites de inverno contando contos e facendo traballos manuais.

Os celtas crían que cando a xente morría, ían a unha terra de eterna xoventude e felicidade chamada Tir ná Nog. Eles non tiñan o concepto de ceo e inferno que a igrexa cristiana introducíu no país moitos séculos despois. As veces pensábase que os mortos eran agochados onda o Fairy Folk ("A xente das fadas"), quen vivían nos numerosos outeiros ou "sidhe" (pronúnciase "xi") que salpican a campiña irlandesa e escocesa. 

O Samhain era o aninovo dos celtas. No sistema de crenzas celta, os puntos de "da-la volta", coma o tempo entre un día e o seguinte, o encontro do mar e a beiramar, ou o paso dun ano para o seguinte, eran vistos coma tempos máxicos. O troco do ano era o máis potente deses tempos. Este era o intre no que "o veo entre os mundos" era máis fino, e os vivos podíanse comunicar cos seus seres queridos mortos en Tir na Nog.

Os celtas non tiñan demos e diaños no seu sistema de crenzas. As fadas, porén, eran decote noite consideradas hostís e perigosas para os humáns, porque se pensaba que estaban resentidas porque os homes lles colleran as súas terras. 

Nesta noite, podían ás veces enganar ós humáns facéndolles perderse nos túmulos das fadas, onde ficarían atrapados para sempre. Após da chegada dos cristiáns ás terras dos celtas, algúns quixeron ver nas fadas a aqueles anxos que non apoiaron a Deus nin a Lucifer na súa rifa, e asemade, foron condeados a camiñar pola terra ata o día do xuízo.

A relixión celta estaba moi ligada á terra. As súas grandes lendas están cheas de acontecementos que sucederon durante o tempo de Samhain. Moitas das grandes batallas e lendas de reis e heroes céntranse nesta noite. Moitas das lendas ocúpanse da promoción da fertilidade da terra e o aseguramento da continuidade das vidas da xente a través da escura estación do inverno.

1 comentario: